O Bañiño

No ano 2011, o concello de Punxín, anunciou un proxecto para a construción dun Complexo Termal na zona do Bañiño, a carón do río Barbantiño e do antigo lavadoiro. Cunha inversión de 1,3 millóns de euros, converteríase nun referente termal da comarca. Sen embargo, iso non foi adiante.

Case unha década despois, o concello de Punxín aprobou unha serie de proxectos mais modestos para executar unha área termal a carón do Barbantiño, na mesma zona do Bañino. Estes proxectos fóronse executando pouco a pouco; primeiro os accesos, despois a execución das piscinas termais, seguido da execución do peche perímetral. Posteriormente, grazas o programa de axudas para o acondicionamento dos espazos termais de uso lúdico de Galicia, executáronse a ampliación e o marcado do aparcamento, os vestiarios, carteis e sinalización; execución de aseos, caseta de vixilancia, almacén e ramplas de acceso para minusválidos; instalación de duchas, así como acometida eléctrica e de auga; mellora de zonas verdes, luminarias, mobiliario urbano, peche perimetral, entre outras intervencións. 

Actualmente, o concello de Punxín está a traballar en varios proxectos para conseguir que O Bañiño sexa un referente para o termalismo: pozas para minusválidos e ponte sobre o Barbantiño, entre outros.

Estas piscinas termais énchense sen necesidade de bombeo, ca auga termal dun pozo de 50 metros próximo ás instalacións. Estas augas superan os 27ºC. Ademais deste pozo executado para este fin, existen varios mananciais próximos que afloran a nivel da terra, como pode ser o Lavadoiro do Bañiño ou os mananciais que hai próximos.

Xusto enfronte, sobre o Barbantiño, vemos unha presa de cemento que retén a auga do Barbantiño. Esta presa executouse sobre unha pequena presa que alimentaba varios muíños río abaixo e que se empregaba como praia fluvial  no verán.

A Ruta do Barbantiño

No Bañiño comeza a senda do Barbantiño, dende a que podemos disfrutar dun paisaxe único e ver lugares tan espectaculares como o Pozo da Ola ou a Fervenza do Barbantiño.